SAÚDO DO PESIDENTE



 

GRAZAS E ATA PRONTO

Por Javier Rojo. Presidente do Senado

Unha vida no compromiso político. E difícil poñer un punto e seguido a un percorrido tan complexo e gratificante. Nestes anos estiven envolvido nunha infinidade de prácticas e eventos. Dende a democracia acabada de nacer ata un máis que probable futuro esperanzador en Euskadi. A aprobación da Constitución e do Estatuto, o intento de golpe de Estado, o afianzamento da democracia e a nosa entrada en Europa, son algúns dos feitos que tiven a oportunidade de vivir na primeira liña. Por isto e por moito máis síntome un privilexiado.

A través destas liñas quixera, en primeiro lugar, agradecerlle ao Senado todas e cada unha das oportunidades que me brindou para ser partícipe da construción política e social deste país. Agora que decidín dar un paso atrás quixera lembrar o papel e o legado de todos aqueles que, por unha aposta en favor da sociedade, foron asasinados pola banda terrorista ETA. 

Cando alguén decide poñer fin a unha etapa da súa vida, as imaxes e os recordos sucédense, conformándose un percorrido por todo o vivido que dá máis valor a matices que no seu momento careceron de atención. Así, para quen lle dedicou máis de tres décadas á labor política, o feito de ter que defender este servizo público resúltalle complicado. É unha actividade necesaria, fundamental e respectable. A política é un labor honorable. É, ou debera de ser, o exercicio de facer posible a solución dos problemas da xente; é a  arte de construír a cidadanía; é unha vocación necesaria e absolutamente libre. E entendo que é hora de poñela en valor, de recoñecer a súa necesidade e subliñar a lexitimidade de aqueles que, honradamente, decidiron que esta sexa a súa opción como servizo público.

O labor político foi a miña vida, a miña paixón e a miña absoluta vocación. Quizais en moitos momentos roubeille tempo á miña familia, á miña xente, pero chegou a hora de dar un paso atrás para que outros poidan dar un paso adiante. Fágoo por coherencia con todos e cada un dos discursos que pronunciamos.

É necesario facer realidade a renovación que require a sociedade. A política ten máis espazos nos que poder achegar, traballar e apostar. Son un político que cre no que di e o leva ata as súas últimas consecuencias. Seguirei alimentando o meu compromiso, defendendo os meus ideais, apuntalando valores e respectando o meu partido e a sociedade.

E é agora, neste tempo de complexidades, cando me permito soñar con que a política sexa recoñecida e respectada; sexa humana e estea cargada de alma, e fundamentada nunhas institucións democráticas nas que se respecte o valor da palabra. Permítome soñar cuns partidos políticos nos que o interese xeral prime por riba do partidista á hora de construír consensos en beneficio de todos. En definitiva, por facer da dedicación política un servizo público, lonxe de intereses particulares, de enfrontamentos irrespectuosos e, polo tanto, cada día máis cerca dos cidadáns.

Son consciente de que tras tantos anos na responsabilidade da representación pública puiden cometer erros. Aproveito estas liñas para desculparme por eles; e se foron cometidos, non naceron nunca da intencionalidade senón das complicacións e tensións que en demasiadas ocasións asolagan a acción da política.

Só me queda dicirlles a todos: grazas e ata pronto!

Javier Rojo. Presidente do Senado.



Biografía