Liñas Directrices da Actividade Internacional

A. Viaxes oficiais

1. Autorización da Mesa da Cámara

2. Composición das delegacións

2.1. Viaxes do Presidente do Senado a conferencias e reunións internacionais

2.2. Viaxes de delegacións do Senado encabezadas polo seu Presidente

2.3. Viaxes de carácter institucional da Mesa do Senado

2.4. Viaxes de Comisións

3.Duración da viaxe oficial

3.1. Desprazamentos de menos de tres horas de duración

3.2. Desprazamentos de tres ou máis de tres horas de duración

4.Cobertura de gastos

4.1. Xestión do transporte da delegación

4.2. Xestión do aloxamento

4.3. Dietas de viaxe

4.4. Interpretación

4.5. Obsequios protocolarios

4.6. Salas de Autoridades

4.7. Acompañamento ás delegacións

B. Visitas oficiais

1. Visitas de Presidentes de Parlamentos ou xefes de delegación de análoga relevancia

2. Visitas doutras delegacións parlamentarias

C. Grupos de Amizade

D. Organización polo Senado de reunións internacionais

A.VIAXES OFICIAIS.

1. Autorización da Mesa da Cámara.

Todo desprazamento, nacional ou internacional, dunha delegación oficial do Senado, requirirá o acordo de autorización da Mesa da Cámara. O acordo deberá precisar, polo menos, os seguintes detalles: o lugar do desprazamento, a composición da delegación, a duración da viaxe oficial e a cobertura de gastos, de acordo cos criterios establecidos a continuación.

Calquera solicitude de autorización dirixida á Mesa acompañarase dunha xustificación da viaxe que se propón e dun orzamento estimativo dos gastos que suporá o desprazamento.

Ao finalizar a viaxe realizarase un informe da actividade desenvolta.

2. Composición das delegacións.

O acordo da Mesa concretará a composición das delegacións oficiais do Senado.

2.1 Viaxes do Presidente a conferencias e reunións internacionais.

A asistencia do Presidente ou membro da Mesa en quen delegue a conferencias e reunións internacionais ás que sexa invitado a participar enténdese autorizada a partir do presente acordo.

Tamén se entenderán autorizados os desprazamentos internacionais do Presidente, cando o faga en representación do Estado español, por instancia da Presidencia do Goberno ou do Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación.

2.2 Viaxes de delegacións do Senado encabezadas polo seu Presidente.

A delegación oficial estará composta polo Presidente do Senado e polos Voceiros da Cámara que se determinen. O réxime económico estará baseado no principio de reciprocidade, agás que a situación económica do país visitado faga inviable a súa aplicabilidade.

Ademais, poderá presidir delegacións integradas por Senadores pertencentes a distintas Comisións que, por razón da materia, asistan a Foros Parlamentarios de cooperación bilateral con países de atención preferente.

2.3 Viaxes de carácter institucional da Mesa do Senado.

A delegación estará formada polos membros da Mesa da Cámara que se determinen.

2.4 Viaxes de Comisións.

Viaxes a reunións da Presidencia de quenda da Unión Europea: A delegación oficial axustarase, na medida do posible, aos criterios establecidos pola invitación oficial. Se non se especifica, aplicarase o criterio xeral das viaxes de Comisións.

Con ocasión de cada Presidencia semestral, elevarase á Mesa con carácter previo unha proposta de autorización para o conxunto da actividade internacional prevista durante o semestre, achegando o calendario de viaxes remitido polo Parlamento anfitrión e un orzamento estimativo de gastos en función do número de parlamentarios que no seu caso poidan asistir ás reunións, independentemente do acordo específico para cada unha delas.

Outras viaxes de Comisión: A Mesa da Cámara valorará en cada suposto a súa conveniencia. Como criterio xeral, a delegación oficial estará composta polo Presidente e tres membros da Comisión, sendo dous destes representantes dos dous Grupos parlamentarios maioritarios e o terceiro un representante dalgún dos demais Grupos parlamentarios na devandita Comisión, por un sistema de rotación para sucesivos desprazamentos. Excepcionalmente, caberá a posibilidade de que a delegación oficial estea formada polo Presidente da Comisión e catro dos seus membros, sobre a base do devandito criterio.

Agás que o acordo da Mesa estableza outro criterio, en ningún caso poderán formar parte da delegación Senadores que non pertenzan á Comisión.

3. Duración da viaxe oficial.

Para determinar a duración da viaxe oficial terase en conta a hora de comezo da primeira reunión ou evento que forme parte do programa oficial, así como o lugar onde se celebre a mesma.

3.1 Desprazamentos de menos de tres horas de duración.

Como liña directriz, naquelas viaxes nas que os voos non superen as tres horas de duración (concretamente, nos voos europeos como Bruxelas, Roma ou París), se a reunión comeza a partir das 15 horas e hai oferta de voos pola mañá que permitan chegar á reunión cunha marxe de tempo razoable, o desprazamento oficial realizarase o mesmo día da reunión. O desprazamento de regreso realizarase unha vez concluída a reunión, se hai oferta de voos razoable que permitan regresar no mesmo día a Madrid.

3.2 Desprazamentos de tres ou máis de tres horas de duración.

Naqueles desprazamentos nos que o voo teña unha duración de tres ou máis de tres horas de duración, o desprazamento poderase realizar o día anterior á reunión. Os desprazamentos de regreso poderanse realizar o día seguinte á finalización do programa oficial.

Estes criterios poderán ser adaptados cando as combinacións de voo así o permitan ou esixan, correspondendo á Secretaría Xeral realizar esa valoración.

En todo caso, entenderase como punto de partida e retorno a cidade de Madrid, agás que exista unha combinación de voos ou de tren razoable, que non supoña un incremento de gastos notable, dende ou cara á cidade preferida polo Senador.

O adianto ou posposición do inicio ou regreso da viaxe en datas distintas das establecidas por vontade do Senador efectuarase sen gastos para a Cámara.

4. Cobertura de gastos.

Na autorización da viaxe oficial entenderanse incluídos os seguintes conceptos: os gastos de transporte (billete aéreo, de tren, etc.); os gastos de hotel (en réxime de aloxamento e almorzo); as dietas por desprazamento (que teñen por finalidade cubrir gastos distintos dos anteriores como os de traslado a e dende o aeroporto, xantares e ceas durante a viaxe oficial); a interpretación, cando sexa necesaria; os obsequios protocolarios; e, no seu caso, os gastos derivados do uso da Sala de Autoridades nos aeroportos. Outro tipo de gastos extraordinarios que se consideren necesarios deberán autorizarse especificamente. Con ocasión de cada viaxe, contratarase así mesmo unha póliza de seguro de asistencia sanitaria en viaxes. En todo caso, atenderase a unha racionalización e contención do gasto nos desprazamentos.

4.1 Xestión do transporte da delegación.

Como criterio xeral, as reservas de voos realízanse en clase preferente, agás que a compañía aérea non dispoña desta clase; e as reservas de tren en clase Club ou semellante. Os voos realizaranse preferentemente coa compañía Iberia, en atención ao Convenio subscrito polas Cortes Xerais, e evitando as escalas alí onde sexa posible.

Os traslados da delegación do aeroporto ao hotel na cidade de destino e viceversa serán prestados pola Embaixada de España no país de destino na medida na que os recursos da mesma así o posibiliten. Só se contratará transporte a cargo do Senado en casos excepcionais, cando o anfitrión non o proporcione ou a Embaixada non o poida facilitar e existan motivos de seguridade que o fagan indispensable. En caso contrario, o custo dos traslados interiores na cidade de destino será a cargo dos membros da delegación e entenderase incluído nas dietas por desprazamento.

4.2 Xestión do aloxamento.

A autorización da viaxe oficial cubrirá exclusivamente os gastos de aloxamento e almorzo. Cando así o requiran os establecementos, cada membro da delegación terá que facilitar a súa tarxeta persoal de crédito para garantir calquera outro gasto extra que poida xerar.

Como criterio xeral, as habitacións que se reservan serán de categoría “standard”, dobres para uso individual e con almorzo incluído, agás que as condicións especiais do país de destino aconsellen outro réxime de aloxamento.

4.3 Dietas de viaxe.

As dietas de viaxe calcularanse tomando sempre como referencia a hora de saída dos voos dende o aeroporto de Madrid e a hora de chegada dos mesmos ao aeroporto Madrid, con independencia da hora á que se requira a presenza no aeroporto. O mesmo criterio aplicarase nos desprazamentos a través doutros medios de transporte.

O adianto ou posposición do inicio ou regreso da viaxe en datas distintas das establecidas por vontade do Senador en ningún caso dará lugar a un incremento das dietas.

4.4 Interpretación.

Como criterio xeral, a autorización da viaxe oficial cubrirá a interpretación que sexa necesaria contratar durante o desenvolvemento das reunións no país de destino. Corresponderá á Secretaría Xeral a valoración en cada caso do tipo de interpretación requirida, atendendo a un criterio de racionalización e contención no gasto.

4.5 Obsequios protocolarios.

A Dirección de Relacións Internacionais do Senado establecerá o criterio para a entrega de obsequios protocolarios nos desprazamentos oficiais da Cámara, tendo en conta o programa oficial e as autoridades coas que se vaian celebrar encontros e atendendo aos usos e costumes establecidos.

4.6 Salas de Autoridades.

A Dirección de Relacións Internacionais do Senado solicitará o uso das Salas de Autoridades nas viaxes de delegacións oficiais que estean encabezados polo Presidente do Senado, por algún dos membros da Mesa do Senado ou polos Presidentes das Comisións do Senado, conforme á Circular 3/2015-1 de Presidencia do Goberno que regula o acceso ás Salas de Autoridades dos aeroportos españois.

4.7 Acompañamento ás delegacións.

As delegacións oficiais irán acompañadas polos funcionarios da Secretaría Xeral do Senado que en cada caso se determine, atendendo ás necesidades específicas da viaxe.

B. VISITAS OFICIAIS.

As visitas oficiais ao Senado que supoñan un gasto para a Cámara, esixirán un acordo específico da Mesa.

1. Visitas de Presidentes de Parlamentos ou xefes de delegación de análoga relevancia.

Establécese como principio un máximo de dous ao ano, unha por semestre, agás que, a instancias do Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación e atendendo aos intereses españois, a Mesa acorde excepcionalmente acoller algunha máis.

Independentemente, da aplicabilidade preferente do principio de reciprocidade, o réxime de gastos autorizados incluirá un máximo de oito persoas e comprenderá o aloxamento, o transporte dentro de España, a interpretación e os gastos derivados da organización do programa, incluíndo os protocolarios e de cortesía. En todo caso, a proposta que a Secretaría Xeral formule á Mesa deberá ir acompañada dun orzamento estimativo da Dirección de Relacións Internacionais do Senado.

2. Visitas doutras delegacións parlamentarias.

O réxime de gastos autorizados incluirá os protocolarios e de cortesía, derivados da organización do programa.

C. GRUPOS DE AMIZADE.

A Mesa do Senado acordará a creación e composición dos Grupos de Amizade.

Tanto as viaxes como as visitas requirirán o correspondente acordo da Mesa, sendo alternativas unhas e outras e en todo caso non superarán dúas ao ano.

Como criterio xeral, unicamente se poderán desprazar os membros do Grupo de Amizade correspondente sen que poidan ser substituídos no mesmo.

O réxime de gastos atenderá ao principio de reciprocidade e, no seu defecto, ao criterio xeral establecido para as visitas de Presidentes de Parlamentos.

D. ORGANIZACIÓN POLO SENADO DE REUNIÓNS INTERNACIONAIS.

O Senado asumirá a organización de Conferencias ou Foros internacionais dos que España forme parte cando a previsión da celebración alternativa de reunións nun e outro país entre os participantes así o requira, cando a presidencia rotatoria dunha organización internacional así o esixa, ou cando os compromisos derivados da actividade internacional do Senado o recomenden, dentro dos principios de austeridade e eficiencia na xestión dos recursos.

En todo caso, será imprescindible obter a autorización previa da Mesa da Cámara, na que se valorará a súa conveniencia, conforme ao réxime de gastos previsto no Orzamento estimativo presentado pola Dirección de Relacións Internacionais do Senado.

Palacio do Senado, a 27 de xullo de 2016.