Comisións e ponencias. Composición, funcionamento e clases

Última revisión: 16/05/2018

Composición

As Comisións do Senado son os órganos básicos de traballo da Cámara, integradas por Senadores en número proporcional á forza que cada Grupo Parlamentario ten na Cámara (artigo 51 do Regulamento do Senado); actualmente, o número de Senadores por Comisión é de vinte e sete, coa seguinte repartición:

COMPOSICIÓN DE LAS COMISIONES EN LA XII LEGISLATURA
GRUPO PARLAMENTARIO SENADORES
Popular no Senado 15
Socialista 6
Unidos Podemos - En Comú Podem - En Marea  2
Esquerra Republicana 1
Vasco no Senado (EAJ-PNV) 1
Nacionalista Partit Demòcrata (PDeCAT-CDC) - Agrupación Herreña Independiente-Coalición Canaria (AHI/CC-PNC) 1
Mixto 1

Esta regra exceptúase nos seguintes supostos:

A Comisión Xeral de Comunidades Autónomas, composta actualmente por 54 Senadores (artigo 51.3 do Regulamento do Senado).

A Comisión de Nomeamentos, composta actualmente por 7 membros (artigo 185 do Regulamento do Senado).

Por outra banda, as Comisións Mixtas (Resolución das Mesas do Congreso dos Deputados e do Senado, do 26 de abril de 2018, pola que se modifica a Resolución das Mesas do Congreso dos Deputados e do Senado, do 27 e 28 de setembro de 2016, sobre composición das Comisións Mixtas Congreso-Senado) están integradas actualmente por 39 parlamentarios, coa seguinte repartición entre os Grupos Parlamentarios:

  • Popular: 8 Deputados e 10 Senadores.
  • Socialista: 5 Deputados e 4 Senadores.
  • Confederal de Unidos Podemos–En ComúPodem–En Marea e Unidos Podemos-En ComúPodem-En Marea: 3 Deputados e 2 Senadores.
  • Cidadáns: 2 Deputados.
  • Esquerra Republicana: 1 Deputado ou 1 Senador
  • Vasco: 1 Deputado ou 1 Senador.
  • Mixto: 1 Deputado e 1 Senador.
  • Nacionalista PartitDemòcrata (PDeCAT-CDC)-Agrupación Herreña Independiente-Coalición Canaria (AHI/CC-PNC): 1 Senador.

Funcionamento

Os membros das Comisións elixen a súa Mesa, composta por un presidente, dous vicepresidentes e dous secretarios (artigo 53 do Regulamento do Senado). As excepcións son a Comisión Xeral das Comunidades Autónomas, que ten dous secretarios máis (artigo 55 do Regulamento do Senado) e a Comisión de Nomeamentos, que non ten Mesa e está presidida polo presidente do Senado.

O procedemento que se utiliza para a elección das Mesas das Comisións é o mesmo que para a elección dos membros da Mesa da Cámara (artigo 53 do Regulamento do Senado).

As Comisións poden designar Relatorios, compostos por Senadores de distintos Grupos parlamentarios, para a elaboración de informes —sexan lexislativos, de estudo ou doutra natureza— que sirvan de base ao traballo da Comisión.

As sesións das Comisións están abertas aos representantes acreditados dos medios de comunicación social, agás que haxa unha decisión expresa da Comisión de que unha reunión concreta se celebre a porta cerrada. Son secretas, en cambio, as sesións das Comisións de Incompatibilidades e de Suplicatorios (artigo 75 do Regulamento do Senado).

Son competencias destacadas das Comisións ditaminar textos lexislativos e celebrar sesións informativas con membros do Goberno, autoridades, funcionarios e outras personalidades, así como tramitar preguntas orais e mocións relacionadas co eido material do que se ocupan, sen prexuízo de poder desenvolver outras funcións establecidas no Regulamento.

Malia o anterior, cómpre ter en conta que só as Comisións Permanentes Lexislativas (véxase máis abaixo) poden tramitar iniciativas deste carácter, de tal forma que nin as Comisións Permanentes non Lexislativas nin as Comisións de Investigación ou Especiais nin tampouco as Comisións Mixtas poden realizar a devandita función.

Por outra banda, existen Comisións cuxa competencia está limitada a unha determinada actividade, e así:

A Comisión de Peticións examina aquelas que se presentaron de forma individual ou colectiva (artigos 192 a 195 do Regulamento do Senado).

A Comisión de Regulamento é competente para o estudo e ditame das propostas de reforma do Regulamento do Senado (artigo 196 do Regulamento do Senado).

A Comisión de Nomeamentos é a competente para o exame dos candidatos aos distintos cargos que son cubertos polo Senado (vogais do Consello Xeral do Poder Xudicial, maxistrados do Tribunal Constitucional, etc…). Con este fin celebra comparecencias, elabora informes de idoneidade e, se procede, formúlalle ao Pleno propostas de candidatos (artigos 184 a 186 do Regulamento do Senado).

A Comisión de Incompatibilidades é a competente para emitir un ditame sobre a situación de cada un dos Senadores en relación coa súa posible situación de incompatibilidade (artigo 16 do Regulamento do Senado).

A Comisión de Suplicatorios é competente para emitir ditame sobre o suplicatorio recibido para o procesamento dun Senador.

Clases

Comisións do Senado

Comisións permanentes

As Comisións permanentes, creadas para toda a lexislatura, poden ser Lexislativas ou non Lexislativas.

Comisións permanentes Lexislativas

Na actualidade son Comisións Lexislativas, ademais da Comisión Xeral das Comunidades Autónomas, as seguintes:

  • Constitucional.
  • Asuntos Exteriores.
  • Xustiza.
  • Interior.
  • Defensa.
  • Economía, Industria e Competitividade.
  • Facenda e Función Pública.
  • Orzamentos.
  • Fomento.
  • Educación e Deporte.
  • Emprego e Seguridade Social.
  • Enerxía, Turismo e Axenda Dixital.
  • Agricultura, Pesca e Alimentación.
  • Sanidade e Servizos Sociais.
  • Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.
  • Cultura.
  • Igualdade.
  • Entidades Locais.
  • Medio Ambiente e Cambio Climático.
  • Políticas Integrais da Discapacidade.
Comisións permanentes non Lexislativas
  • Regulamento.
  • Incompatibilidades.
  • Suplicatorios.
  • Peticións.
  • Asuntos Iberoamericanos.
  • Nomeamentos.
  • Dereitos da Familia, a Infancia e a Adolescencia.

Comisións de investigación ou especiais

As Comisións de investigación ou especiais son creadas «ad hoc» para realizaren enquisas ou estudos sobre calquera asunto de interese público nunha Lexislatura determinada. Deixan de funcionar así que remataron os traballos para os que foron creadas.

Comisións Mixtas Congreso dos Deputados-Senado

As Comisións Mixtas poden ser de natureza permanente ou especial.

Están integradas por membros de ambas as Cámaras. Na actualidade son as seguintes:

  • Mixta para a Unión Europea, de carácter permanente.
  • Mixta para as Relacións co Tribunal de Contas, de carácter permanente.
  • Mixta de Relacións co Defensor do Pobo, de carácter permanente.
  • Mixta de Seguridade Nacional, de carácter permanente.
  • Mixta de Control Parlamentario da Corporación RTVE e as súas Sociedades. De carácter especial, vénse constituíndo dende a VIII Lexislatura.
  • Mixta para o Estudo do Problema das Drogas. De carácter especial, vénse constituíndo dende a IV Lexislatura.