As Cortes Xerais

Última actualización 25/02/2016

Cortes Xerais = Congreso dos Deputados + Senado

Cortes Xerais é o nome oficial do Parlamento español, composto de dúas cámaras (Congreso dos Deputados e Senado). Este nome é o tradicional en España: as asembleas medievais de diversos reinos peninsulares denominábanse Cortes. E este é tamén o nome que se mantivo na maioría das constitucións do século XIX e o que adoptaron diversos parlamentos autonómicos.

A importancia das Cortes Xerais como órgano do Estado deriva de que representan ao pobo español, tal como establece o artigo 66.1 da Constitución de 1978, que é o titular da soberanía (artigo 1.2 da Constitución).

A Constitución contén disposicións comúns para as dúas cámaras que compoñen as Cortes Xerais e disposicións específicas para cada unha delas.

Características comúns ás dúas Cámaras

Entre as disposicións xerais deben destacarse, ademais da súa común definición como representantes do pobo español, as seguintes:

  • As funcións que exercen son:
    1. a lexislativa, consistente na aprobación de leis
    2. a orzamentaria, que se materializa na aprobación dos ingresos e gastos anuais do Estado
    3. o control da acción do Goberno e o impulso político, que se instrumentan a través de diversos procedementos (preguntas, interpelacións, mocións, comparecencias) e
    4. outras funcións, establecidas na propia Constitución.
  • A declaración de ser inviolables as dúas cámaras, o que impide adoptar medidas coercitivas contra as mesmas (artigo 72 da Constitución).
  • A prohibición de ser membro das dúas cámaras simultaneamente (artigo 67.1 da Constitución).
  • A prohibición de mandato imperativo para os membros de ambas cámaras, o que significa que deputados e senadores son libres para expresarse e votar, sen terse que someter a ningunha indicación ou instrución. O cal non impide que voluntariamente os deputados e senadores acepten a disciplina do seu grupo parlamentario (artigo 67.2 da Constitución).
  • A inviolabilidade de deputados e senadores polas expresións manifestadas no exercicio da súa condición e a inmunidade, que impide o seu procesamento ou inculpación sen obter previamente a autorización da cámara respectiva, por medio do suplicatorio (artigo 71 da Constitución).
  • Os períodos de sesións, ou espazos de tempo en que, con carácter ordinario, as cámaras poden exercer as súas funcións (de febreiro a xuño, e de setembro a decembro) (artigo 73 da Constitución).

Os corpos de funcionarios ao servizo das cámaras son tamén comúns, e réxense polo Estatuto do persoal das Cortes Xerais, aprobado conxuntamente polas Mesas das dúas cámaras.

Especialidades de cada Cámara

Merece destacarse que as funcións antes citadas son comúns ao Congreso e Senado. Pero isto non impide que os procedemento e facultades de cada cámara poidan ser distintos. Así, o procedemento lexislativo, que se inicia habitualmente no Congreso e o Senado intervén despois como cámara de segunda lectura, desenvólvese de forma distinta en cada cámara, cunhas posibilidades de actuación tamén diferentes.

No exercicio das súas funcións a Constitución recoñece a plena autonomía do Congreso e Senado nos seus aspectos internos. Cada cámara aproba separadamente o seu Regulamento, o seu orzamento de gastos e ingresos e elixe ao seu presidente e demais membros da Mesa (artigo 72da Constitución).

En canto parlamento bicameral, as Cortes Xerais actúan normalmente de modo separado. Os únicos casos en que procede a actuación conxunta son para a adopción de decisións relativas á Coroa, como a proclamación do Rei, a proclamación do Príncipe herdeiro, a provisión da sucesión á Coroa cando se extingan todas as liñas chamadas en dereito e a designación eventual da Rexencia. Na práctica as dúas cámaras se reúnen conxuntamente para a inauguración formal da lexislatura por parte do Rei.

De conformidade co anterior, cada cámara conta con comisións propias. Non obstante, para materias concretas establecéronse comisións mixtas, formadas por deputados e senadores.