Partidos Políticos e Grupos Parlamentarios no Senado

Última actualización 27/10/2015

 

O perfil político do Senado varía en función dos resultados electorais e das designacións que efectúen os parlamentos autonómicos, cuxa configuración depende das respectivas eleccións autonómicas.


Os Senadores asócianse en Grupos parlamentarios segundo as súas preferencias políticas. Normalmente esta agrupación vén determinada pola común pertenza a un partido político, se ben hai Grupos que se compoñen de Senadores de dous ou máis partidos políticos.


Cada Grupo parlamentario estará composto, polo menos, de dez Senadores. Ningún Senador poderá formar parte de máis de un Grupo parlamentario.


No prazo de cinco días hábiles, contados dende a constitución do Senado, os Senadores que resolvan constituírse en Grupo parlamentario entregarán na Presidencia da Cámara a relación nominal dos que o integran. A devandita relación deberá estar subscrita por todos os compoñentes do Grupo e terá que indicar a denominación deste e o nome do Senador que actuará como Voceiro do mesmo, así como os de quen, eventualmente, lle deban substituír. Publicarase a relación dos compoñentes de cada Grupo parlamentario. Deberán adoptar unha denominación que sexa conforme coa que os seus membros concorreron ás eleccións.


Poderanse incorporar aos diversos Grupos parlamentarios creados, os Senadores que expresen á súa vontade de facelo así mediante escrito dirixido á Presidencia da Cámara. Este escrito deberá levar o visto e prace do Voceiro do Grupo correspondente. Os Senadores que non se incorporasen a un Grupo parlamentario pasarán a integrar o Grupo Mixto.


O Grupo Mixto inclúe os Senadores daqueles partidos ou coalicións que non acadan o número mínimo para constituír Grupo propio e, polo tanto, ten unha composición política heteroxénea. Os Senadores que por calquera causa deixen de pertencer a un Grupo parlamentario de denominación específica, así como os que non se incorporasen a un Grupo parlamentario quedarán automaticamente incorporados ao Grupo Mixto, agás que no prazo de tres días se adscribisen a outros Grupos xa constituídos. O Voceiro do Grupo Mixto, ou o de calquera destes últimos, dará conta das incorporacións que se produzan ao Presidente da Cámara.


Os distintos Grupos parlamentarios constituídos no Senado gozarán de total autonomía no tocante á súa organización interna.


O Senado facilitaralles aos Grupos parlamentarios unha subvención cuxa contía se fixará en función do número dos seus compoñentes e, ademais, un complemento fixo igual para todos.


Dentro dos Grupos parlamentarios que se compoñan de Senadores elixidos no territorio ou polas Asembleas lexislativas ou órganos colexiados superiores de dous ou máis Comunidades Autónomas, poderanse constituír Grupos territoriais. Ningún Senador pode formar parte de máis de un Grupo territorial.


Cada Grupo territorial estará integrado, polo menos, por tres Senadores elixidos polo electorado do territorio ou designados pola Comunidade Autónoma respectiva.


Os Grupos territoriais poderán intervir nos casos e na forma establecida no Regulamento do Senado.


Os Senadores que decidan formar Grupos territoriais deberán entregar na Presidencia da Cámara, a través dos seus respectivos Grupos parlamentarios, a relación nominal dos quen os integran. A devandita relación deberá estar subscrita por todos os seus compoñentes e polo Voceiro do Grupo parlamentario ao que estean adscritos, e indicará a denominación do Grupo con referencia expresa ao territorio e ao partido, federación, coalición ou agrupación ao que pertenzan os seus compoñentes, e o nome do seu representante, así como os de quen, eventualmente, lle deban substituír.