O Senado no sistema bicameral español

Última actualización 26/02/2016

O Senado, Cámara de reflexión e de representación territorial

O Senado integra, xunto co Congreso dos Deputados, o Parlamento español ou Cortes Xerais, que deste modo se configura como un parlamento bicameral.

A existencia desta segunda cámara foi unha constante no constitucionalismo español, agás en breves períodos de tempo. Doutra parte, o modelo bicameral está implantado en case todas as democracias cun tamaño de poboación medio ou alto: trátase de articular a representación dun país tendo en conta unha dobre perspectiva, e de asegurar unha mellor consideración das importantes decisións que se teñen que adoptar polo Parlamento nacional.

O Senado español, tal como está configurado na Constitución de 1978, responde a unha dobre definición. Por un lado, e ao igual que o Congreso dos Deputados, representa ao pobo español. Neste sentido desenvolve unha función de reflexión ou reconsideración ofrecendo a posibilidade de examinar e, no seu caso, opoñerse ou modificar as decisións da Cámara baixa mediante vetos ou emendas. Por outro, é a Cámara de representación territorial. Este segundo aspecto é consecuencia directa da configuración do Estado como Estado das autonomías, isto é, organizado en comunidades autónomas con importantes competencias. Do que se trata con esta definición é de dar entrada no Parlamento central á voz e intereses destas entidades territoriais, para deste modo conseguir unha integración e coordinación maiores entre os poderes centrais e os autonómicos. Este rasgo diferenza claramente ao Senado respecto á primeira cámara ou Congreso dos Deputados.

As principais manifestacións actuais desa natureza territorial son as seguintes:

  • A designación dunha parte dos senadores polas comunidades autónomas.
  • A existencia dunha Comisión Xeral de Comunidades Autónomas, dotada de moi amplas atribucións de relevancia territorial, podendo instar a súa convocatoria e participar nas súas reunións os consellos de goberno das comunidades autónomas. Nas sesións da citada Comisión poden utilizarse, xunto ao castelán, as linguas cooficiais das comunidades.
  • A celebración periódica de debates sobre o estado das autonomías, nos que participan, ademais de senadores, o presidente do Goberno e os presidentes das comunidades autónomas.
  • O exercicio de funcións de integración territorial, entre as cales a máis relevante é a contemplada no artigo 155.1 da Constitución..

Bicameralismo asimétrico

Dende o punto de vista bicameral, o Congreso dos Deputados ostenta un claro protagonismo na función lexislativa mentres o Senado ocupa unha posición de segunda lectura. Así, os proxectos de lei do Goberno –con moito os máis numerosos- preséntanse e tramítanse na Cámara baixa. O Senado pode vetalos ou emendalos, pero tanto sobre o veto como sobre as emendas decide finalmente o Congreso. O mesmo ocorre co proxecto anual de orzamentos xerais do Estado.

Doutro lado, aínda que o Senado controla ao Goberno a través de preguntas, interpelacións e comparecencias, a relación de confianza dáse exclusivamente coa Cámara baixa: é esta a que inviste ao presidente do Goberno ao comezo da lexislatura e a que pode destituírlle mediante a aprobación dunha moción de censura ou a non aprobación dunha cuestión de confianza. Non obstante, o presidente do Goberno pode disolver o Senado, conxunta ou separadamente co Congreso dos Deputados.