O Congreso dos Deputados e o Senado están disoltos dende 24 de setembro de 2019. Volveranse constituír o 3 de decembro de 2019.

Ir al Contenido (Presione enter)

14 OUTUBRO 2019

XIII LEXISLATURA

Dicionario de termos

Termos xerais

Abstención.

Manifestación de vontade expresada nunha votación, a través da cal un parlamentario, sen desentenderse do asunto, decide non votar nin a favor nin en contra.

Acatamento da Constitución.

Promesa ou xuramento que deben realizar os parlamentarios de respectar e cumprir a Constitución. O acto de acatamento é condición ineludible esixida polos regulamentos das cámaras para poder adquirir plenamente a condición de parlamentario.

Acta.

Documento formal no que queda constancia da celebración da reunión dun órgano da Cámara, dos nomes dos asistentes e dos acordos alcanzados.

Alusións.

Quenda de intervención que poderá conceder o presidente da sesión a un parlamentario cando, no desenvolvemento dos debates, algún dos intervintes faga manifestacións que impliquen xuízos de valor ou inexactitudes sobre a persoa ou os actos deste parlamentario.

Apertura da sesión.

Acto do presidente, en Pleno ou en Comisión, por medio do cal se sinala que o órgano inicia a súa orde do día, de modo que todo aquilo que se faga, diga ou acorde terá constancia e validez xurídica.

Asemblea Parlamentaria da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN).

Foro de cooperación interparlamentaria no que participan parlamentarios dos vinte e oito países membros da Alianza Atlántica, que se reúnen para debater e adoptar resolucións sobre asuntos relacionados coa defensa, seguridade e cooperación.

Asemblea Parlamentaria da Organización para a Seguridade e Cooperación en Europa (OSCE).

Foro de cooperación interparlamentaria no que participan parlamentarios dos cincuenta e seis estados membros da OSCE, co obxecto de fortalecer a democracia, previr as crises e xestionar as consecuencias dos conflitos que se produzan na súa área a través do diálogo e a negociación. Participa activamente na supervisión de procesos electorais.

Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa.

Foro de cooperación interparlamentaria composto por parlamentarios dos corenta e sete estados membros do Consello de Europa, que se reúnen para debater e adoptar resolucións relativas, entre outras materias, a dereitos humanos e á democracia.

Asemblea Parlamentaria Euromediterránea (APEM).

Foro de cooperación interparlamentaria dirixido a fomentar o diálogo político entre os parlamentarios dos países mediterráneos e a asistir, impulsar e contribuír á consolidación e desenvolvemento do “Proceso de Barcelona”.

Asemblea parlamentaria internacional.

Foro de cooperación interparlamentaria formado por membros dos parlamentos nacionais, normalmente incardinado nunha organización internacional, que desenvolve labores de impulso político e de control dos seus órganos executivos. Véxase: “Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa”, “Asemblea Parlamentaria da Organización pola Seguridade e Cooperación en Europa (OSCE)”, “Asemblea Parlamentaria da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN)”, “Unión Interparlamentaria” e “Asemblea Parlamentaria Euromediterránea”.

Asentimento.

Forma de adoptar acordos nos órganos parlamentarios consistente no anuncio do acordo pola presidencia do órgano correspondente, sen que iso suscite reparo ou oposición por parte dos parlamentarios presentes.

Asignación constitucional.

Un dos conceptos retributivos que perciben os parlamentarios polo exercicio das súas funcións, e que se consigna nos orzamentos das cámaras.

Asociación de Senados Europeos.

Foro de cooperación interparlamentaria no que participan os presidentes dos senados dos estados de Europa. Os seus obxectivos son o desenvolvemento da cooperación entre os seus membros, a promoción do bicameralismo no marco das democracias parlamentarias e o fortalecemento da identidade e a conciencia europeas.

Autonomía parlamentaria.

Capacidade recoñecida ás cámaras pola Constitución española no seu artigo 72.1, para decidir por si mesmas as súas normas de funcionamento (autonomía normativa), o seu financiamento e os seus orzamentos (autonomía financeira), os seus órganos reitores e o seu aparato administrativo (autonomía organizativa e funcional).

Autorización de tratados internacionais.

Función atribuída pola Constitución ás Cortes Xerais na conclusión e denuncia dos tratados internacionais (artigos 93 e 94.1 da Constitución).