O Congreso dos Deputados e o Senado están disoltos dende 24 de setembro de 2019. Volveranse constituír o 3 de decembro de 2019.

Ir al Contenido (Presione enter)

19 OUTUBRO 2019

XIII LEXISLATURA

Dicionario de termos

Termos xerais

Debate.

Parte esencial dos procedementos parlamentarios que consiste na confrontación das opinións e argumentos. Normalmente é público e permite manifestarse a favor e en contra do asunto debatido.

Debate de totalidade.

Fase do procedemento lexislativo que ten lugar durante a deliberación en sesión plenaria coa finalidade de permitir un exame sobre o conxunto do proxecto ou proposición de lei.
No Senado prodúcese inmediatamente despois da presentación do ditame da Comisión. Consta dunha quenda a favor e outra en contra sobre o conxunto do texto, máis a intervención dos portavoces dos grupos parlamentarios que o desexen. Acto seguido debateranse as propostas de veto e os votos particulares coas emendas que non se incorporasen ao ditame na fase de Comisión.
 

Debate sobre o Estado das Autonomías.

Debate que ten lugar na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas do Senado. O regulamento prevé a súa celebración anual. Nel interveñen o presidente do Goberno, os presidentes das comunidades autónomas e das cidades con estatuto de autonomía e os membros da Comisión Xeral, quen examina a situación do Estado dende a perspectiva territorial.

Delegación parlamentaria.

Parlamentario ou parlamentarios designados polos órganos das cámaras ou polos grupos parlamentarios coa finalidade de participar nas relacións parlamentarias bilaterais ou multilaterais de carácter internacional.

Deputación Permanente.

Órgano encargado de convocar sesións extraordinarias e de velar polos poderes da Cámara cando non estea reunida ou cando a mesma esgotou o seu mandato ou se disolva e ata que se constitúa a nova Cámara. Presídea o presidente da Cámara e intégrana un mínimo de vinte e un parlamentarios elixidos polos grupos parlamentarios en proporción á súa importancia numérica. Constitúese ao principio da lexislatura.

Dereito de petición.

Dereito fundamental regulado na Constitución (arts. 29 e 77), por medio de cuxo exercicio un cidadán ou un colectivo pode solicitar a unha institución pública que adopte unha determinada decisión ou actúe dalgún modo concreto.
No caso do Senado existe un procedemento especial para exercitar o dereito de petición, que debe presentarse por escrito, quedando prohibida a presentación directa por manifestacións cidadáns. Unha vez presentadas as peticións, serán examinadas pola Comisión de Peticións. No informe que debe emitir en cada período ordinario de sesións, que é obxecto de consideración polo pleno do Senado, figurará a decisión adoptada respecto de cada unha das peticións, con indicación, no seu caso, da autoridade á que se remitiu para a súa contestación. As contestacións que se reciban trasladaranse aos seus autores.
 

Diario de sesións.

Publicación oficial na que se recollen as transcricións das sesións do Pleno, da Deputación Permanente e das comisións. Reproduce as intervencións dos oradores, deixando constancia das incidencias producidas e do resultado das votacións, no seu caso.

Diplomacia parlamentaria.

Actividade desenvolvida polos parlamentos no ámbito internacional coa finalidade de complementar a política exterior impulsada polos gobernos.

Dirección de Asistencia Técnico-Parlamentaria.

Unidade da Secretaría Xeral da Cámara encargada da preparación, asesoramento, asistencia, apoio e execución nas materias propias da competencia do Pleno, a Deputación Permanente, a Mesa e a Xunta de Portavoces.

Dirección de Comisións.

Unidade da Secretaría Xeral da Cámara encargada da preparación, asesoramento, asistencia, apoio e execución nas materias propias da competencia das comisións da Cámara.

Dirección de Documentación.

Unidade da Secretaría Xeral da Cámara encargada da realización de traballos documentais relacionados coa actividade da Cámara.

Dirección de Estudos.

Unidade da Secretaría Xeral da Cámara encargada da realización de estudos e análises relacionados coa actividade constitucional e parlamentaria, así como cos asuntos da Unión Europea.

Dirección de Orzamentos e Contratación.

Unidade da Secretaría Xeral da Cámara encargada do asesoramento e xestión nas materias relativas á contratación, patrimonio mobiliario e artístico, orzamento e contabilidade da Cámara.

Dirección de Recursos Humanos e Goberno Interior.

Unidade da Secretaría Xeral da Cámara encargada da xestión, asesoramento e control en materias propias do persoal que presta os seus servizos na Secretaría Xeral da Cámara, así como no referente a prestacións a parlamentarios, correspondéndolle ademais aquelas materias non atribuídas especificamente a outras direccións que afecten ao goberno interior da Cámara.

Dirección de Relacións Institucionais.

Unidade da Secretaría Xeral da Cámara encargada do apoio, asistencia e asesoramento en materia de relacións cos medios de comunicación, imaxe institucional e protocolo da Cámara, así como a información interna e externa e a supervisión da páxina web da Cámara.

Dirección de Relacións Internacionais.

Unidade da Secretaría Xeral da Cámara encargada da preparación, organización e xestión dos asuntos internacionais e da cooperación interparlamentaria da Cámara.

Dirección de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións.

Unidade da Secretaría Xeral da Cámara encargada do asesoramento e xestión nas materias relacionadas co sistema informático e as comunicacións da Cámara.

Dirección Técnica de Infraestruturas.

Unidade da Secretaría Xeral da Cámara encargada do asesoramento e xestión en materia de edificios e instalacións da Cámara.

Disciplina de grupo.

Uso parlamentario en virtude do cal os parlamentarios seguen as indicacións que efectúan os grupos parlamentarios en relación coas distintas actividades que se realizan na Cámara, especialmente en canto ao sentido do voto.

Disciplina parlamentaria.

Medidas aplicadas polo presidente da Cámara co obxecto de manter a orde no debate e nas salas de reunión. A tal efecto, o presidente pode, en función da gravidade da actuación, realizar chamamentos á orde ou á cuestión, prohibir a asistencia a unha reunión, e incluso acordar a suspensión no exercicio da función parlamentaria, todo iso nos termos previstos no Regulamento da Cámara.

Disolución.

Na maioría dos casos, decisión adoptada mediante decreto polo presidente do Goberno, previa deliberación do Consello de Ministros, que pon fin ao mandato dos deputados, dos senadores ou de ambos e que comporta a convocatoria de eleccións. Coa disolución entra en funcionamento a Deputación Permanente. Hai a disolución automática no suposto de reforma extraordinaria da Constitución (artigo 168) e no de fracaso do proceso de investidura (artigo 99). Véxase “Deputación Permanente”.

Dúplica.

Quenda de intervención, consistente na contestación á réplica, que adoita pechar o debate referido á pregunta, interpelación ou toma de posición en relación á iniciativa parlamentaria de que se trate.