O Congreso dos Deputados e o Senado están disoltos dende 24 de setembro de 2019. Volveranse constituír o 3 de decembro de 2019.

Ir al Contenido (Presione enter)

14 OUTUBRO 2019

XIII LEXISLATURA

Dicionario de termos

Termos xerais

Emenda.

Proposta de modificación formulada polos parlamentarios ou os grupos parlamentarios en virtude da cal se pretende suprimir, engadir, ou alterar algún artigo ou fragmento do texto dunha iniciativa parlamentaria. No caso dos textos lexislativos, as emendas deben ser congruentes e cumprir os requisitos formais de presentación que esixe o Regulamento da Cámara.

Empate.

Obtención do mesmo número de votos a favor e en contra nunha votación.
No Senado a forma de resolver os empates será distinta segundo o órgano no que se efectuase a votación. Se esta ten lugar no Pleno, realizarase unha segunda votación. Se se repite o empate, realizarase unha terceira votación e, se en esta persiste o empate, entenderase refugado o texto, ditame, artigo, proposición ou cuestión de que se trate. Nas votacións en Comisión aplicaranse as mesmas regras que no pleno, agás no caso de que estean presentes todos os seus membros, xa que entón entenderase que non existe empate cando a igualdade de votos, sendo idéntico o sentido no que votasen todos os membros da Comisión pertencentes a un mesmo grupo parlamentario, puidese dirimirse ponderando o número de votos con que cada grupo conta no Pleno.
 

Escano.

Asento que ocupa un parlamentario no hemiciclo ou salón no que se celebran as sesións plenarias.

Escrutinio.

Fase do proceso de votación que ten por obxecto o reconto dos votos emitidos.

Estatuto do Persoal das Cortes Xerais.

Norma que regula o réxime do persoal das Cortes Xerais, e en especial dos seus funcionarios, establecendo as condicións de acceso, situacións, supostos de cesamento, dereitos e obrigas dos mesmos e réxime disciplinario. É aprobado polas Mesas do Congreso dos Deputados e do Senado, reunidas en sesión conxunta.

Estatuto do Senador.

Conxunto de dereitos, deberes e prerrogativas dos senadores, establecidos co propósito de garantir o pleno exercicio das funcións correspondentes á Cámara, asegurando a súa independencia respecto dos demais poderes. Inclúe o dereito a presentar iniciativas, intervir nos debates e participar nas votacións nos termos establecidos no Regulamento do Senado, o réxime de incompatibilidades establecido na lexislación electoral, e as prerrogativas de inviolabilidade, inmunidade e sometemento a un foro especial xa que para as causas penais contra os senadores e deputados é competente a Sala do Penal do Tribunal Supremo.