O Congreso dos Deputados e o Senado están disoltos dende 24 de setembro de 2019. Volveranse constituír o 3 de decembro de 2019.

Ir al Contenido (Presione enter)

22 OUTUBRO 2019

XIII LEXISLATURA

Dicionario de termos

Termos xerais

Maioría absoluta.

Regra para a adopción dun acordo en virtude da cal é necesario o voto no mesmo sentido de máis da metade de todos os membros de dereito da Cámara ou da Comisión.

Maioría cualificada.

Regra para a adopción dun acordo en virtude da cal é necesario o voto no mesmo sentido de porcentaxes especiais, como dous terzos ou tres quintos do número total dos membros de dereito da Cámara. Non obstante, en ocasións a maioría absoluta considérase tamén unha maioría cualificada.

Maioría simple.

Regra para a adopción dun acordo en virtude da cal é necesario que o número de votos a favor sexa superior ao de votos en contra, independentemente do número de votos emitidos. É a regra xeral para a adopción de acordos.

Mandato imperativo.

Modelo de representación política no que o membro da asemblea non exerce as súas funcións de forma independente, senón cumprindo as ordes directas do seu elector, sexa unha institución ou unha persoa. A Constitución española prohíbeo cando establece expresamente no seu artigo 67.2 que os membros das Cortes Xerais non estarán ligados por mandato imperativo.

Mensaxe motivada.

Documento que o Senado remite ao Congreso dos Deputados ao concluír o procedemento lexislativo mediante o que pon en coñecemento do Congreso se aprobou veto ou emendas á iniciativa lexislativa que esta Cámara lle remitiu, cunha exposición dos motivos dos citados acordos.

Mesa do Senado.

Órgano reitor da Cámara composto polo presidente, os vicepresidentes (dous no Senado e catro no Congreso dos Deputados) e catro secretarios. A súa elección para cada lexislatura ten lugar na sesión constitutiva da Cámara. As súas competencias máis importantes son de carácter parlamentario e administrativo.

Moción.

Iniciativa vinculada ao control e impulso político, que se presenta coa finalidade de que o Goberno formule unha declaración sobre algún tema ou remita ás Cortes Xerais un proxecto de lei, ou de que a Cámara delibere e se pronuncie sobre un texto de carácter non lexislativo, debendo ir acompañadas, no seu caso, dunha avaliación do seu custo económico. Poden ser presentadas para que o seu debate se produza nunha sesión plenaria ou nunha comisión. No debate interveñen, ademais do autor da iniciativa, os representantes dos grupos parlamentarios. Son obxecto de votación. Véxase “Moción consecuencia de interpelación”.

Moción incidental.

Cuestión que pode exporse en curso de calquera debate co fin de resolver unha dúbida na tramitación procedente para a iniciativa que se estea a debater.

Mocións consecuencia de interpelación.

Iniciativa cuxa presentación ten a súa orixe no debate dunha interpelación na que a contestación por parte do Goberno non resultou satisfactoria ao parlamentario interpelante. O seu contido e tramitación son similares ás das mocións ordinarias, se ben o tempo das diversas quendas de intervención é máis reducido.

Mocións de censura.

Instrumento de control mediante o cal o Congreso dos Deputados esixe responsabilidade política ao Goberno. Atópase na esencia mesma do réxime parlamentario, fundamentado na relación de confianza entre o Parlamento e o Goberno. A Constitución esixe que, para ser aprobada, apoien a moción de censura a maioría absoluta dos Deputados, en cuxo caso o Goberno presentará a súa dimisión ao Rei e será investido presidente do Goberno o candidato proposto na moción de censura.