Ir al Contenido (Presione enter)

22 XULLO 2019

XIII LEXISLATURA

Dicionario de termos

Termos xerais

Período de sesións.

Marco temporal que fixa os momentos nos que as cámaras poden reunirse con carácter ordinario. A Constitución española establece que as cámaras reuniranse anualmente en dous períodos ordinarios de sesións: o primeiro, de setembro a decembro, e o segundo, de febreiro a xuño. Non obstante, é frecuente que as cámaras se reúnan fóra deses períodos ordinarios en sesións extraordinarias.

Persoal adscrito.

Persoal pertencente a corpos da Administración Xeral do Estado que está destinado na Cámara para o desempeño de funcións de seguridade e daquelas outras non atribuídas estatutariamente aos corpos de funcionarios das Cortes Xerais. Con independencia da súa permanencia nos corpos de orixe na situación de servizo activo, dependerá a todos os efectos do presidente e do secretario xeral da Cámara.

Persoal eventual.

Persoal ao que corresponde a asistencia directa e de confianza aos membros da Mesa, a determinados parlamentarios e aos grupos parlamentarios. O persoal eventual será nomeado e separado libremente polo presidente da Cámara, a proposta do titular do órgano ao que vaia a prestar asistencia. En todo caso, cesará de modo automático cando cese o titular do órgano ao que sirva.

Persoal funcionario das Cortes Xerais.

Persoal das Cortes Xerais que, en virtude de nomeamento legal, están incorporados ás mesmas, con carácter permanente, mediante unha relación estatutaria de servizos profesionais e retribuídos con cargo ao orzamento daquelas. Prestarán os seus servizos no Congreso dos Deputados, no Senado ou na Xunta Electoral Central, mediante o desempeño de postos de traballo contidos no correspondente persoal orgánico. Na actualidade, existen os seguintes corpos de funcionarios das Cortes Xerais: Letrados, Arquiveiros-Bibliotecarios, Asesores Facultativos, Redactores Taquígrafos e Estenotipistas, Técnicos-Administrativos, Administrativos e Ordenanzas.

Persoal laboral da Cámara.

Persoal encargado do desempeño de funcións non atribuídas estatutariamente aos corpos de funcionarios das Cortes Xerais, nos postos de traballo que con tal carácter prevexa o persoal orgánico. O persoal contratado laboralmente éo de cada cámara.
No Senado existen os seguintes grupos profesionais: médicos, analistas, programadores, enfermeiros, guías, auxiliares administrativos, auxiliares de informática, auxiliares de audiovisuais, electricistas, brigada de mantemento e condutores e motoristas.
 

Petición.

Véxase “Dereito de petición”.

Pleno.

Órgano funcional da Cámara formado por todos os seus parlamentarios. O Pleno coñece dos asuntos máis relevantes e na maioría dos casos ten a última palabra no debate e aprobación das iniciativas que lle son sometidas polas comisións para a súa consideración. Véxase “Sesión plenaria”.

Ponencia de estudo.

Órgano funcional creado no seo dunha comisión, formado por un grupo reducido de parlamentarios co obxecto de estudar un asunto en concreto. Os seus traballos adoitan finalizar coa formulación dun informe ou unha proposta á comisión correspondente; unha vez feito o cal se extinguen.

Ponencia lexislativa.

Órgano funcional creado no seo dunha comisión lexislativa, formado por representantes dos grupos parlamentarios, co obxecto de informar sobre textos lexislativos.
No Senado, con carácter xeral, dispón dun prazo de quince días para emitir o seu informe, contados a partir da data en que termine o prazo de presentación de emendas.
 

Portavoz.

Persoa designada polo grupo parlamentario para ostentar a súa representación nos distintos órganos da Cámara. Os portavoces dos grupos parlamentarios reúnense na Xunta de Portavoces.

Pregunta.

Iniciativa de control que poden utilizar os parlamentarios para interrogar ao Goberno sobre cuestións da súa competencia. As preguntas deben formularse mediante escrito dirixido ao presidente da Cámara. Poden ser de resposta escrita ou de resposta oral, e esta producirse no Pleno ou en comisión. Non se admiten preguntas de exclusivo interese persoal de quen as formula ou de calquera outra persoa singularizada, nin as que supoñan consulta de índole estritamente xurídica.

Pregunta escrita.

As preguntas para a súa resposta escrita polo Goberno poden conter máis dunha cuestión.
No Senado tramítanse na súa integridade por vía electrónica, e publícanse na páxina web da Cámara. Preséntanse mediante escrito dirixido á Presidencia do Senado. Non están sometidas a un prazo para a súa formulación. O Goberno debe remitir a resposta dentro dos trinta días seguintes á súa comunicación. Se o Goberno non fai chegar a resposta dentro deste prazo, o senador interrogante poderá solicitar a inclusión da pregunta na orde do día da sesión seguinte da comisión competente por razón da materia, onde recibirá o tratamento das preguntas orais.
 

Pregunta oral en Comisión.

As preguntas para a súa contestación oral en comisión deben reunir os mesmos requisitos que as preguntas orais en sesión plenaria, se ben non están sometidas a un prazo para a súa formulación.
No Senado, unha vez cualificadas pola Mesa da Cámara e transcorridos sete días dende a súa publicación, están en condicións de ser incluídas na orde do día da comisión. Os tempos de palabra son de maior duración que nas de resposta en Pleno. Só poden comparecer para responder este tipo de preguntas os ministros e os secretarios de Estado.
 

Pregunta oral en Pleno.

As preguntas para contestación oral en Pleno han de conter a concisa e estrita formulación dunha soa cuestión. A inclusión das preguntas na orde do día efectúase mediante a aplicación dun sistema de cota para cada grupo parlamentario. Cabe a posibilidade de substituír as preguntas presentadas por outras relativas a asuntos acordados no Consello de Ministros ou por cuestións de especial urxencia ou actualidade. As preguntas formúlanse dende o escano. En primeiro lugar intervén o parlamentario preguntante, que formula a súa cuestión para ser contestado por un membro do Goberno. A continuación, o parlamentario dispón dunha quenda de réplica e o membro do Goberno dunha quenda de dúplica.
No Senado cada un dos intervintes disporá dun tempo de tres minutos en total para facer uso das dúas quendas mencionadas.
 

Prerrogativas parlamentarias.

A inviolabilidade, a inmunidade e o foro especial forman parte do estatuto xurídico do parlamentario. Teñen como finalidade, non a de outorgar a estes unha protección ou un trato de favor fronte ao resto de cidadáns, senón a de garantir o pleno exercicio das funcións correspondentes á Cámara da que forman parte, asegurando a súa independencia respecto dos demais poderes. Véxase “Inviolabilidade”, “Inmunidade” e “Foro especial”.

Presidente do Goberno.

Cargo unipersoal encargado da presidencia e dirección da acción do Goberno e da coordinación dos demais membros do mesmo, a quen nomea e cesa libremente. A súa investidura require do outorgamento da confianza do Congreso dos Deputados. A confianza debe manterse despois de ser negada pola aprobación dunha moción de censura ou a denegación dunha cuestión de confianza, o Goberno deberá presentar a súa dimisión ao Rei.

Presidente do Senado.

Cargo unipersoal de máxima representación do Senado. É elixido polo Pleno entre os seus membros ao comezo de cada lexislatura. Entre as súas funcións máis importantes destacan as de convocar as sesións plenarias e presidilas, dirixir os seus debates, manter a orde, pudendo impor sancións e interpretar o Regulamento da Cámara. Preside tamén a Mesa, a Xunta de Portavoces e a Comisión de Nomeamentos. Véxase “Mesa”.

Presidentes de Comisión.

As comisións elixen entre os seus membros unha mesa como órgano reitor da mesma, integrada por un presidente, dous vicepresidentes e dous secretarios. O presidente da comisión exerce no ámbito da comisión, entre outras funcións, as de convocatoria das sesións da comisión, fixación da orde do día, oída a mesa respectiva, presidencia das sesións e ordenación dos seus debates.

Procedemento lexislativo.

Sucesión de actos parlamentarios necesarios para que a Cámara aprobe unha lei en exercicio da potestade lexislativa. Son elementos necesarios do mesmo a publicidade, a posibilidade de formular emendas (sobre o conxunto ou ao articulado), o debate contraditorio e a votación. Lévase a cabo en diferentes órganos: Ponencia, Comisión e Pleno.

No Senado o procedemento lexislativo desenvólvese no prazo de dous meses, que se reduce a vinte días naturais en caso de urxencia (artigo 90 da Constitución).
 

Procedemento lexislativo de competencia delegada en Comisión.

Procedemento lexislativo especial que supón eliminar a aprobación final da lei polo Pleno da Cámara. O artigo 75.3 da Constitución impide o seu emprego en determinadas materias.

No Senado o acordo para utilizar este procedemento adóptao o Pleno. Se se aproba unha proposta de veto en Comisión, o Pleno deberá ratificala ou rexeitala.
 

Procedemento lexislativo de urxencia.

Procedemento lexislativo especial que supón acurtar os prazos de tramitación.
No Senado o Regulamento prevé que a declaración de urxencia poida realizala o Goberno, o Congreso dos Deputados ou a Mesa do Senado, de oficio ou a proposta dun grupo parlamentario ou de vinte e cinco senadores. Se se declara a urxencia, o Senado dispón de só vinte días naturais para tramitar a iniciativa.
 

Procedemento parlamentario.

Serie ou sucesión de actos que deben seguirse para substanciar unha iniciativa. A tramitación de cada tipo de iniciativa, xa estea dirixida á aprobación dunha lei ou doutro texto normativo, a emitir unha autorización, a controlar ao Goberno ou a impulsar a acción do Goberno nunha determinada dirección, ou á elección de determinados cargos, réxese por un procedemento específico.

Proposición de lei.

Iniciativa lexislativa cuxo autor pode ser o Congreso dos Deputados, o Senado, unha comunidade autónoma ou un mínimo de 500.000 cidadáns. Unha vez tramitada e aprobada polas Cortes Xerais, converterase en lei.

Proposición non de lei.

Iniciativa non lexislativa vinculada ao control e impulso político que contén unha proposta de resolución formulada polos grupos parlamentarios á Cámara para que esta inste ao Goberno a adoptar algunha medida ou declaración ou ben se pronuncie verbo dalgunha materia en determinado sentido. Carecen de efectos xurídicos vinculantes, de maneira que as consecuencias da súa inobservancia deben canalizarse a través das vías para exercer o control político do Goberno.
No Senado este tipo de iniciativas reciben o nome de moción. Véxase “Moción”.
 

Proxecto de lei.

Iniciativa lexislativa presentada polo Goberno para a súa tramitación e aprobación como lei polas Cortes Xerais.

Publicacións oficiais.

No ámbito parlamentario son publicacións oficiais o Boletín Oficial das Cortes Xerais (BOCG), que á súa vez ten tres seccións (Cortes Xerais, Congreso dos Deputados e Senado) e os Diarios de Sesións. Toda a colección de publicacións oficiais pode consultarse a través da páxina web. Véxase “Boletín Oficial das Cortes Xerais” e “Diario de Sesións”.

Publicidade.

Ademais das publicacións oficiais, o Senado garante o acceso público á información a través da páxina web.