Ir al Contenido (Presione enter)

23 AGOSTO 2019

XIII LEXISLATURA

Dicionario de termos

Termos xerais

Salón de sesións.

Espazo físico destinado á celebración de sesións parlamentarias. Resérvase o termo salón para denominar á sala principal da sede parlamentaria na que se reúne o Pleno e distinguila así daquelas máis reducidas destinadas ás sesións de comisións e ponencias.

Secretaría Xeral do Senado.

Conxunto de servizos administrativos que constitúen a Administración do Senado. Está configurada con criterios de estrita legalidade, imparcialidade e profesionalidade. Presta os servizos necesarios para que a Cámara poida desempeñar as súas funcións constitucionais. Réxese polas normas aprobadas pola Mesa do Senado, á que está sometida en todo momento, e polo Estatuto do Persoal das Cortes Xerais. Ten á súa fronte ao letrado maior ou secretario xeral, designado pola Mesa do Senado, a proposta do presidente, entre funcionarios do corpo de letrados das Cortes Xerais, do que depende o persoal da Secretaría Xeral, integrada por funcionarios das Cortes Xerais, contratados laborais do Senado e persoal adscrito.

Secretario do Senado.

Membro da Mesa do Senado, elixido na sesión constitutiva da Cámara entre os seus membros. Os secretarios supervisan e autorizan, co visto bo do presidente, as actas das sesións plenarias e da Mesa, así como as certificacións que se teñan que expedirse; asisten ao presidente nas sesións para asegurar a orde nos debates e a corrección nas votacións; colaboran ao normal desenvolvemento dos traballos da Cámara; e, exercen, ademais, calquera outras funcións que lles encomende o presidente ou a Mesa. Véxase “Mesa do Senado”.

Senado.

Cámara integrante das Cortes Xerais, que representa ao pobo español (artigo 66.1 da Constitución) e que, ademais, é a Cámara de representación territorial (artigo 69.1 da Constitución). Está composto por senadores que poden ser electos en circunscricións ou designados polos parlamentos autonómicos. O Senado participa, por unha parte, das funcións lexislativas, de control ao Goberno e de aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado. O seu papel habitual no procedemento lexislativo é o de segunda lectura, podendo opoñerse ou modificar as decisións do Congreso dos Deputados mediante vetos ou emendas. Na súa función territorial ten a competencia prevista no artigo 155.1 da Constitución. No Senado existe unha Comisión Xeral de Comunidades Autónomas e celébranse periodicamente debates sobre o Estado das Autonomías.

Senador.

Membro do Senado. Para ser elixido senador hai que ser español, maior de idade e cumprir os requisitos establecidos legalmente. O senador pode ser elixido directamente polos cidadáns en circunscricións provinciais e candidaturas individuais ou ben pode ser designado por un parlamento autonómico. Todo senador ten dereito a participar no exercicio das funcións do Senado: lexislar, controlar ao Goberno, aprobar os ingresos e gastos do Estado e o resto das previstas na Constitución e nas leis.

Sesión extraordinaria.

A Constitución permite a celebración de sesións extraordinarias fóra dos dous períodos ordinarios de sesións en que as cámaras se reúnen anualmente: o primeiro, de setembro a decembro, e o segundo, de febreiro a xuño. Están pensadas para asuntos que requiren de inmediata tramitación sen que esta poida esperar ao comezo do seguinte período de sesións. Deben convocarse sobre unha orde do día determinada e serán clausuradas unha vez esgotado este.

O Senado poderá reunirse en sesións extraordinarias a petición do Goberno, da Deputación Permanente ou da maioría absoluta dos senadores.
 

Sesión plenaria.

Reunión formal dos compoñentes do Pleno da Cámara para debater e aprobar os asuntos da súa competencia.
No Senado, como norma xeral, o Pleno celebra as súas sesións de martes a xoves. A orde do día do Pleno fíxaa o Presidente, de acordo coa Mesa e oída a Xunta de Portavoces. O representante do Goberno pode incluír un só asunto con carácter prioritario. As sesións plenarias do Senado son públicas, agás que a petición razoada do Goberno ou de cincuenta senadores se acorde o contrario pola maioría absoluta da Cámara. Serán secretas nos casos previstos no Regulamento do Senado. O carácter público das sesións implica que ás mesmas poden acudir tanto membros dos medios de comunicación debidamente acreditados como o público en xeral, que poderá seguir a sesión dende a tribuna, ou mediante a retransmisión en directo que se realiza a través da páxina web.
 

Suplencia do Regulamento.

Facultade que corresponde ao presidente da Cámara para colmar as lagoas de regulación que poida ter o Regulamento.
No Senado exércea de acordo coa Mesa da Comisión de Regulamento.
 

Suplicatorio.

Instrumento procesual a través do cal a Sala do Penal do Tribunal Supremo solicita á Cámara autorización para proceder penalmente contra un dos seus membros. A necesidade de autorización forma parte da denominada inmunidade parlamentaria e permite á Cámara comprobar, sen entrar a xulgar o fondo do asunto –a comisión ou non dun delito-, se tras a acusación contra un parlamentario se oculta unha persecución política.