Períodos constituionais
Última revisión 02/01/2023
Parlamento unicameral
Inicio do constitucionalismo (1808-1823)
A invasión napoleónica en 1808 produciu dúas consecuencias sumamente importantes: por un lado, o inicio da guerra da independencia e, por outro, a fin da sociedade do antigo réxime e o comezo do constitucionalismo liberal.
A crise provocada por esa invasión determinou a convocatoria dunhas Cortes elixidas mediante sufraxio restrinxido, con abandono do modelo estamental de séculos anteriores. Reunidas en Cádiz a partir de 1810 acometeron importantes reformas e, entre elas, a aprobación tras longas deliberacións, da Constitución 1812.
A nova Constitución respondía aos principios liberais: soberanía nacional, división de poderes e Cortes como Parlamento representativo. Estas Cortes eran unicamerais, elixidas pola poboación mediante sufraxio indirecto e asumían a función lexislativa co Rei. O Rei mantiña o poder executivo, pero perdendo a súa anterior condición de fonte de todo poder.
A Constitución tivo vida moi curta. A continuación da guerra e a ausencia de Fernando VII fixeron imposible a súa aplicación. E unha vez volto o Rei do seu exilio forzoso en 1814, procedeu de inmediato a abolila.
Foi restablecida durante o chamado trienio constitucional (1820-1823). Neste último ano a invasión dun exército estranxeiro determinou unha nova volta ao absolutismo, que duraría ata a morte de Fernando VII en 1833.
O Senado entre 1834 e 1923
Reanudación do constitucionalismo (1834-1868)
Tras a morte de Fernando VII e nun clima de aberta oposición, a Rexente María Cristina viuse obrigada a ceder minimamente ante os que reclamaban unha volta ao constitucionalismo de 1812 e aprobou o Estatuto Real de 1834, unha especie de constitución outorgada. Neste estatuto establecíanse unhas Cortes como órgano representativo, pero que pola súa composición resultaban de perfil extremadamente conservador. Por primeira vez aparecían divididas en dúas cámaras: o Estamento de Próceres ou Cámara alta e o Estamento de Procuradores ou Cámara baixa. Estas Cortes tiñan unhas funcións lexislativas e orzamentarias moi limitadas. A pesar das súas limitacións este Estatuto permitiu na práctica que se desenvolvese a vida parlamentaria, incluído o mecanismo de responsabilidade ministerial, que obrigaba aos ministros nomeados pola Coroa a responder dos seus actos ante as Cortes. Estivo vixente tan só dous anos.
Baixo o reinado de Isabel II, unhas novas Cortes, foron convocadas co propósito de restablecer a Constitución de 1812, e ante a dificultade práctica deste obxectivo, aprobaron un novo texto, a Constitución de 1837, máis reducida e simple, e que reflectía amplamente o ideario do partido progresista. Tal era o caso do recoñecemento da soberanía nacional e a inclusión dunha tímida declaración de dereitos. As Cortes compúñanse de dúas cámaras, o Senado e o Congreso dos Deputados, cunha denominación que se mantería practicamente dende entón. A primeira representaba o elemento conservador e aristocrático, pois esixíanse uns requisitos especiais para presentarse como candidato e para votar. O Congreso era a cámara de representación popular destinada a servir de elemento impulsivo do Estado. Os deputados elixíanse por un período de tres anos e mediante sufraxio directo. A función lexislativa estaba compartida entre estas Cortes e o Rei, que doutra parte conservaba o poder executivo. Tamén as Cortes debían aprobar anualmente o orzamento de gastos do Estado.
En 1844 convocáronse novas eleccións a Cortes coa misión de reformar a de 1837. Pero, lonxe de emendar os puntos críticos desta última, optouse pola elaboración dunha nova, a Constitución de 1845, que finalmente acabou reflectindo o ideario do partido moderado: omitiuse toda referencia á idea de soberanía nacional e o poder constituínte aparecía compartido entre a Coroa e as Cortes. Suprimiuse algún dereito fundamental, reconfigurouse o Senado nun sentido máis conservador e dependente na súa composición integramente da vontade do monarca, mentres o acceso ao Congreso se fixo máis restrinxido. O Rei mantiña importantes atribucións executivas. As Cortes mantiveron a súa potestade lexislativa e orzamentaria.
En 1854 e nun novo vaivén político iniciouse o chamado bienio progresista (polo partido que exerceu o poder), no que se elaborou unha nova Constitución, de principios parecidos á de 1837, pero que non chegou a nacer, debido a que antes da súa entrada en vigor se produciu outro xiro, esta vez conservador, o que determinou o seu arquivo. Por simple decreto restableceuse a Constitución de 1845.
Constitucionalismo de finais do século XIX
Nas décadas posteriores mantívose un clima de inestabilidade gobernamental e enfrontamento entre os partidos políticos. Isto propiciou un pronunciamento militar en setembro de 1868 que acabou co réxime constitucional existente, e deu inicio a unha revolución política e social.
Tras o exilio da Raíña Isabel II constituíuse un goberno provisional que convocou de inmediato eleccións para Cortes constituíntes. Por primeira vez, estas eleccións foron por sufraxio universal masculino.
O texto resultante, a Constitución de 1869, foi reflexo do ideario progresista e democrático: Volveuse á concepción da soberanía nacional como fonte da mesma, o que reforzaba ás institucións representativas, e incluíuse unha ambiciosa declaración de dereitos, entre os cales por primeira vez a liberdade de cultos. Mantivéronse as Cortes bicamerais: o Senado pasou a ser de elección popular, se ben mediante compromisarios e entre persoas que reunisen uns requisitos mínimos. Pola súa parte, o Congreso pasou a ser elixido por sufraxio universal. Doutro lado, aínda que o Rei mantiña as súas facultades, declarábase expresamente a responsabilidade dos ministros ante as Cortes. En concreto, recoñecíase a ambas cámaras o dereito de interpelación e o dereito de censura a todo o Goberno ou a ministros singulares.
Unha das primeiras decisións que debeu afrontar o novo réxime foi a elección dun monarca, o cal se conseguiu en 1870 na persoa de Amadeo de Saboya.
Nun clima de aberto enfrontamento político, o Rei viuse forzado a renunciar á Coroa en 1873, o que determinou que as Cortes instaurasen a República. Elaborouse entón un novo proxecto de Constitución que, ademais da forma republicana, configuraba un Estado federal. O desenvolvemento dos acontecementos –coa sucesión de catro presidentes en menos dun ano- acabou cun golpe militar a comezos de 1874, a abolición da República e a proclamación de Alfonso XII como novo Rei.
Iniciouse entón un novo período conservador baixo a guía do político Cánovas del Castillo. Convocadas Cortes constituíntes elixidas mediante sufraxio universal, aprobouse a Constitución de 1876 que estivo vixente ata 1923. Consistiu nun texto breve, de inspiración conservadora, no que se volvía á concepción do poder constituínte compartido entre o Rei e a Nación. Mantívose unha declaración de dereitos, pero máis restrinxida que na Constitución de 1869. O Senado volveu a ter un perfil aristocrático: había senadores por dereito propio, outros designados polo Rei e outros elixidos polas corporacións do Estado. Pola súa parte, a elección do Congreso remitíase ao que establecese unha lei. E isto permitiu que fose de elección restrinxida ata 1890 e por sufraxio universal masculino a partir de entón.
1923-1977. Ausencia de Senado
A crise do XX
Baixo a Constitución de 1876 o poder alternou entre os dous grandes partidos, o conservador e o liberal, o que proporcionou unha boa dose de estabilidade ao sistema. En cambio, os graves problemas políticos e sociais do fin de século, unidos ás manipulacións e adulteracións do sufraxio, foron privando de lexitimidade ao sistema. Dende comezos do século XX acelerouse o proceso de crise, que tivo as súas principais manifestacións en 1909 coa semana tráxica e en 1917 cunha folga xeral. En 1923 un novo golpe de estado determinou o seu fin e a instauración da Ditadura do xeneral Primo de Rivera, que duraría ata 1930.
A Segunda República e a Guerra Civil (1931-1936)
Unhas eleccións locais en abril de 1931 actuaron como unha especie de plebiscito contra a monarquía e o sistema político vixente. Declarada a República, convocáronse eleccións a Cortes constituíntes. As mesmas aprobaron unha nova Constitución, de corte moi distinto ás anteriores. Os seus principios foron os seguintes: en primeiro lugar, a forma republicana e o carácter democrático do Estado, expresado coa afirmación da orixe popular de todos os poderes; en segundo lugar, laicismo, cunha separación estrita do Estado respecto á Igrexa; en terceiro lugar, Estado integral, con descentralización política, no sentido de que podían constituírse no seu seno rexións autónomas, e, finalmente, recoñecemento de dereitos fundamentais socioeconómicos. No plano orgánico, establecéronse unhas Cortes ou Parlamento unicameral, un presidente da República e un Goberno cun presidente ao fronte, sometido á confianza do Parlamento. Celebráronse tres eleccións democráticas, pero dentro dun clima de forte polarización.
A Segunda República foi vítima dun golpe de Estado en 1936, pronto transformado nunha guerra civil que durou case tres anos.
O franquismo
Terminada a guerra civil, instaurouse unha ditadura persoal do xeneral Franco, que durou ata a súa morte en 1975. Institucionalizada a través das chamadas Leis Fundamentais, toda a súa trama orgánica xiraba en torno á persoa de Franco, dotado da máxima autoridade e declarado responsable só ante Deus e a Historia.
As institucións (Cortes, Consello do Reino, etcétera) tiñan un peso moi reducido. Doutra parte, as liberdades, especialmente as políticas, non estaban recoñecidas ou cando o estaban era en subordinación aos principios do réxime. En concreto, os partidos políticos estaban prohibidos. Tampouco existía un verdadeiro Parlamento, xa que as Cortes orgánicas respondían a un modelo corporativo autoritario e estaban dominadas polos diversos sectores do franquismo.
No plano territorial dominou un forte centralismo.
Transición á democracia
Á morte do xeneral Franco en 1975 existía en España unha demanda social sumamente estendida para implantar un novo sistema político, consistente nunha democracia de estilo occidental, con recoñecemento de dereitos e liberdades, inserido en Europa e descentralizado politicamente. Isto é o que impulsou a chamada transición á democracia.
Esta transición fíxose pacífica e legalmente, respectando a legalidade franquista. Pero este respecto ás formas foi unido a una ruptura respecto ao fondo. O que se realizou non foi unha reforma do sistema anterior, senón a instauración dun con carácteres opostos. Como consecuencia do anterior, o proceso foi lento e complicado, debendo afrontar simultaneamente unha crise económica e o embate do terrorismo.
O Rei Juan Carlos I foi un dos impulsores do cambio. Nomeou en xullo de 1976 a Adolfo Suárez presidente do Goberno, o cal conseguiu que as últimas Cortes franquistas aprobasen a Lei para a reforma política, ratificada en referendo en decembro de 1976. Esta lei significou a desaparición definitiva do sistema franquista, ao posibilitar a vixencia das liberdades e a convocatoria das primeiras eleccións libres en moito tempo. Estas eleccións celebráronse en xuño de 1977, e dela xurdiron un Congreso dos Deputados e un Senado que de modo inmediato decidiron elaborar unha Constitución de nova planta.
Os traballos constituíntes iniciáronse en xullo de 1977, coa formación dunha ponencia pluripartidista no Congreso, encargada de redactar un proxecto. Debateuse e aprobouse primeiro nesta Cámara, logo pasou ao Senado, onde se reelaborou considerablemente. Finalmente unha comisión mixta de deputados e senadores presentou un texto unificado, que foi elevado a ambas Cámaras para a súa aprobación definitiva, o que así ocorreu, sen apenas votos en contra. Finalmente o 6 de decembro de 1978 someteuse a referendo, resultando aprobada a nova Constitución de 1978 por unha maioría moi ampla.
Para máis información: