ARQUIVO
Última revisión 06/10/2022
Como acceder ao Arquivo?
O acceso é libre e gratuíto. Existen varios modos de acceso aos documentos do Arquivo, entre os que destaca a canle electrónica, que permite aos cidadáns interesados en obter información, acceder a ela a través da páxina web, xa que os seus fondos están descritos e dixitalizados. Ademais é posible solicitar información e documentos do Arquivo a través de correo postal e electrónico, telefonicamente ou de forma presencial. As canles de acceso, así como as reproducións do material custodiado no Arquivo, están descritos na Carta de Servizos do Senado.
Que documentación podo consultar no Arquivo?
O Arquivo comprende o fondo histórico, de 1834 a 1923, e o fondo actual, que comeza en 1977. Cabe destacar, no período de 1834 a 1923, a colección completa de publicacións oficiais e a serie de expedientes persoais de próceres e senadores.
A páxina web posibilita a todos os cidadáns a consulta de gran parte dos fondos do Arquivo relacionados coa actividade parlamentaria e cos senadores. O material audiovisual e fotográfico irase incorporando a medida que avancen as tarefas de catalogación.
É posible consultar a composición do Senado no pasado?
Si. A través da páxina web é posible consultar a composición do Senado e dos seus órganos en pasadas lexislaturas. A información ofrécese agrupada en dous grandes períodos, o histórico, de 1834 a 1923, e o actual, que comeza en 1977.
Que tipos de senadores existiron na historia constitucional española?
Prócer é a denominación que no Estatuto Real (1834-1836) se daba aos membros da Cámara Alta, denominada entón Estamento de Próceres.
Os senadores vitalicios eran nomeados polo Rei para desempeñar o cargo ata a súa morte.
Os senadores por dereito eran os que determinaban as diferentes constitucións por razón das súas especiais condicións persoais, independentemente da vontade da Coroa, como determinados membros da familia real, grandes de España e altos representantes do exército, clero e institucións do Estado.
Os senadores designados eran elixidos polas diversas corporacións civís, políticas e relixiosas para que as representasen na Cámara.
É posible obter información sobre todos os que foron senadores ao longo da historia?
Si. É posible obter información sobre todas as persoas que foron senadores a través de varias vías. Dende a páxina inicial, na zona de “Senadores”, e dende o apartado “Arquivo. O Senado na historia”.
Así mesmo, é posible realizar consultas a través dos buscadores da páxina.
O Arquivo tamén contén información de todos aqueles senadores que non tomaron posesión, é dicir, que foron nomeados ou elixidos pero non chegaron a cumprir os demais requisitos para poder tomar posesión do cargo (non admitidos, falecidos, etc.).
É posible consultar os resultados electorais?
Si. A través da páxina web ofrécese información sobre os resultados de todas as eleccións ao Senado que se celebraron dende 1977.
Que ofrece a sección “Biblioteca e recursos documentais”?
As monografías e documentos que custodia o Senado configuran un patrimonio bibliográfico de gran valor cultural, que serve de soporte para a realización dos traballos parlamentarios. A Biblioteca contén libros en soporte papel e electrónico organizados en dous fondos, antigo e moderno; mapas, publicacións periódicas do século XIX, manuscritos, partituras, láminas e gravados. O seu fondo histórico está en proceso de dixitalización.
É posible realizar buscas nestes recursos a través do buscador xeral e das bases de datos bibliográficas e documentais, de acceso gratuíto.
As bibliografías sobre temas relacionados co Senado e os dossieres temáticos, que inclúen unha selección de lexislación, monografías e revistas, plans e estatísticas dos ámbitos autonómico, estatal e europeo, que están permanentemente actualizados e dispoñibles a través da web do Senado.
No Senado compílanse ademais, informacións e documentación da Unión Europea. Destaca a base de datos de iniciativas lexislativas e informes da Comisión Europea (documentos COM), que é complementada coas opinións do Goberno español e o seguimento do estado de tramitación de cada un dos proxectos lexislativos. O Senado participa na base de datos IPEX, que ofrece da posibilidade de consulta centralizada verbo do control dos parlamentos nacionais sobre a política comunitaria dos seus respectivos gobernos.
Así mesmo, o Senado conta con dúas bases de datos que permiten aos cidadáns coñecer as normas con rango de lei autonómica e a actividade dos parlamentos autonómicos: CALEX (Base de datos xurídica referida ás Comunidades Autónomas) e APCA (Base de datos da actividade parlamentaria autonómica).
Para a consulta presencial necesítase dispoñer dunha tarxeta de investigador.