Dereito de petición
Última revisión 19/01/2021
O dereito de petición é un dereito fundamental cuxa titularidade lle corresponde a toda persoa física ou xurídica, con independencia da súa nacionalidade, e que está recollido no artigo 29 da Constitución e desenvolvido na Lei orgánica 4/2001. É un dereito que se pode exercer de forma individual ou colectiva e consiste na facultade de dirixirse aos poderes públicos para, ou ben poñer no seu coñecemento certos feitos, ou reclamarlles unha intervención, ou ambas as cousas á vez. No entanto, non serán obxecto deste dereito aquelas peticións para cuxa satisfacción o ordenamento xurídico estableza un procedemento específico, nin as que xa sexan obxecto dun procedemento parlamentario, administrativo ou un proceso xudicial.
No caso de que a petición se dirixa ao Senado, os artigos 77 da Constitución e 192 a 195 do Regulamento do Senado, son os que regulan o exercicio deste dereito fundamental.
Os escritos de presentación de peticións deberán incluír a identidade do solicitante ou solicitantes, nacionalidade, domicilio para a práctica de notificacións e destinatario da petición, así como o seu obxecto.
Ofrécese un posible formulario para presentar as peticións, aínda que a súa utilización non é obrigatoria, xa que se admite a presentación por medio de calquera escrito, sempre que conteña os datos antes sinalados.
En caso de que se empregue o formulario, logo de completado, deberá ser impreso, asinado e entregado de forma presencial ante o Rexistro Xeral do Senado ou remitido por correo ordinario.
Logo de presentadas as peticións, serán examinadas pola Comisión de Peticións.
No Informe que debe emitir en cada período ordinario de sesións, que é obxecto de consideración polo Pleno do Senado, figurará a decisión adoptada verbo de cada petición, con indicación, cando cumpra, da autoridade á que se lle remitiu para a súa contestación. As contestacións que se reciban ás peticións serán trasladadas aos seus autores.
Acceso aos Informes da Comisión de Peticións